O Concello de Boiro, a través do departamento de Turismo, está a traballar coa Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+) para a posta en funcionamento dunha mostra inspirada en motivos mariñeiros. O alcalde, José Ramón Romero, a Concelleira de Turismo, Marisa Collazo, o videpresidente de AGAN+, José Manuel Fernández, e o coordinador da mostra, Xaquín, visitaron onte as instalacións do Centro Social de Escarabote onde se vai localizar o museo.
A exposición estará lista para inaugúrase cando a AGAN+ retome os cruceiros pola ría que estaban previstos para comezar en abril pero tiveron que suspenderse polo COVID-19. O museo, que antes se localizaba en Cabo de Cruz, vai pasar agora a situarse en Escarabote, nun local máis amplo que sexa máis cómodo e seguro para os visitantes e que permita engadir .á mostra, novas pezas e tamén material audiovisual para poder facer todo tipo de proxeccións de vídeos do territorio, incluso submarinas.
AGAN+ leva desde o ano 2016 organizando estes minicruceiros e facendo escala en Boiro os últimos 3 anos. A idea do cambio de localización do Museo do Mar permite aos visitantes desfrutar tamén do pobo e da súa contorna natural, polo que estes cruceiros poderán facer escalas de máis duración no municipio.
O obxectivo destas visitas, tanto por parte do Concello de Boiro como da AGAN+, é a posta en valor do patrimonio cultural propio, dando a coñecer os recursos naturais dos que dispoñemos e tamén a historia e tradición da localidade.
Fontes: